Saturday 20 de April de 2024

Constituída a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Brión, presidida por Pablo Lago


A secretaria xeral de Igualdade destaca que “a gran preocupación é o machismo na mocidade, que reproduce estereotipos que pensabamos que estaban superados e que agora volven xurdir”

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abellá, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, presidiron esta mañá o acto de constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Brión. Trátase dun instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero co obxecto de procurar unha maior eficiencia na resposta contra esta lacra social.

“Son consciente de que en todos estes ámbitos que estades hoxe aquí presentes se leva xa moitos anos traballando pola erradicación da violencia de xénero, dedicando horas e esforzo a dar apoio ás vítimas, a educar en igualdade, a condenar aos agresores… O que se pretenden agora coa constitución desta Mesa Local é dar un paso máis aló: mellorar as dinámicas de actuación e intervención que xa existen, crear instrumentos e ferramentas que optimicen a coordinación entre axentes e promover políticas e actuacións contra a violencia de xénero a nivel comunitario”, explicou Pablo Lago.

Un traballo previo no que fixo fincapé tamén a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, quen sinalou que “todas as persoas que estades hoxe aquí reunidas sodes piares claves porque traballades de xeito directo e en estreito contacto coa veciñanza do noso concello. E é dende a proximidade dende onde podemos actuar de xeito máis eficaz e eficiente”.

Machismo na mocidade

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade destacou o “paso importante” que o Concello de Brión está a dar en favor da igualdade e na loita contra a violencia de xénero. “O traballo das mesas”, valorizou López Abella, “resulta fundamental para promover no eido municipal medidas, políticas e actuacións para a detección precoz desta lacra. Tamén para a sensibilización da veciñanza e para dar resposta áxil ás vítimas”. Neste sentido, indicou que as mesas de coordinación contra a violencia de xénero son exemplo de que a colaboración entre administracións “garante a eficacia dos recursos destinados ás vítimas”.

López Abella fixo tamén salientou que “a gran preocupación é o machismo na mocidade, que reproduce estereotipos que pensabamos que estaban superados e que agora volven xurdir. Temos que focalizar aí gran parte do noso traballo”. Algo no que coincidiu Rosa Romero, para quen “dende os centros educativos debemos traballar na liña de prevención e detección da violencia, a través da sensibilización, a concienciación e o traballo diario nas aulas, desde idades temperás e ao longo de toda a etapa educativa”.

Finalmente, a xefa do Departamento de Servizos Sociais de Brión, Victoria Varela Rodríguez, destacou que “levamos máis de dous anos tentando crear esta mesa. O máis importante é que levamos moitos anos traballando xuntos contra a violencia pero tamén sabemos que, ás veces, temos problemas de coordinación. E eses problemas son os que imos solucionar coa constitución desta mesa local”.

Composición

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Brión está presidida polo alcalde brionés, Pablo Lago San Martín; coa xefa do Departamento de Servizos Sociais de Brión, Victoria Varela Rodríguez, como secretaria. A Mesa está conformada por: Rosa Romero Fariña, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade; Iván Rodríguez Vaamonde, sarxento da Garda Civil de Brión; o Marcos Delgado García, xefe da Policía Local; Pilar Martínez Vaqueiro, técnica de Intervención Familiar de Brión; Yolanda Rojo Grandío, médica de Atención Primaria do Centro de Saúde brionés; Mª Dolores Campos Lueiro, directora da Escola Infantil Municipal de Brión; Elena Torres Folgar, directora da Escola de Educación Infantil de Sabaxáns; Catalina Domínguez Cociña, mestra da Escola de Educación Infantil dos Ánxeles; Xoán Cabo Pérez, director do CEIP Pedrouzos; Virginia Rodríguez Álvarez, directora do IES de Brión.

A iniciativa enmárcase no acordo de colaboración que manteñen a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a conformación dunha rede de concellos e entes supramunicipais implicada na erradicación desta lacra. A Mesa reunirase de xeito periódico (semestralmente) para analizar a situación e compartir experiencias.